Saltar ao contido

Bulla (amuleto)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Relevo que mostra a un raparigo romano levando unha bulla.

A bulla (do latín, bulla, "burbulla", plural bullae), na Antiga Roma, era un colgante ou medallón que levaba dentro un amuleto que se puña aos nenos varóns nove días despois do seu nacemento. Levábase ao redor do pescozo, como amuleto para protexer ao seu portador contra os malos espíritos.

Os nenos romanos nados libres seguirían levando a bulla, xunto á toga praetexta, até a idade de portar a toga viril, aos 16 anos, cando pasaban á idade da adolescencia e chegaban a ser cidadáns romanos. Gardábase entón con sumo coidado, consagrándoa aos deuses Lares ou a Hércules. Podíana volver sacar en ocasións especiais, como cando chegase a xeneral e dirixise un desfile triunfal das súas tropas. O porse a bulla durante esas cerimonias protexeríao contra as forzas do mal e as envexas dos homes.

Normalmente redonda (tamén en forma de corazón ou saquiño), usualmente colgábase ao pescozo e podía conter diferentes amuletos protectores, símbolos fálicos polo xeral, en metal ou pedras preciosas pero tamén plantas ou substancias con propiedades apotropaicas.

Podían facerse de diferentes materiais, como é o caso de chumbo cuberto con láminas de ouro dos ricos ou de coiro ou tea para os menos podentes.[1] Incluso, os máis pobres, no seu momento, levaban por bulla un no seu cinto.

A súa utilización estendeuse desde as capas máis ricas, a de nados libres, até os libertos e finalmente, os servos, sucedendo como noutras civilizacións anteriores, onde a crenza nos beneficios deste tipo de amuletos, ao principio, fan que sexan utilizadas as bullae por uns poucos e logo termínanas utilizando até os sectores sociais máis baixos.

As nenas non levaban bulla[2] senón outro tipo de amuleto, como lúnulas, até a véspera do seu matrimonio, cando lla retiraban, ao mesmo tempo que os seus xoguetes infantís. Entón, deixaban de usar roupa de nena e empezaban a usar vestidos romanos de muller.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Bulla etrusca en forma de corazón coa representación de Ícaro.

Plutarco refire que a bulla, medallón en forma de bóla, e unha toga bordada de púrpura eran os distintivos dos fillos nados da unión das sabinas raptadas e os primeiros romanos.[3]

Outros autores suxiren que este costume era de orixe etrusca, onde tamén era levada polos adultos.[4] De feito, unha das tradicións remóntase a Tarquinio o Vello que, segundo Plinio, daría como distinción honorífica unha bulla de ouro ao seu fillo de catorce anos, despois de habelo visto matar a un inimigo nunha batalla contra os sabinos (et bulla aurea donavit).[5]

O mesmo autor di que, segundo algúns historiadores, Rómulo déralle antes unha bulla ao fillo de Horto, primoxénito das doncelas sabinas, despois do seu rapto, o cal se chamou máis adiante Tulio Hostilio.

Entre os etruscos, a bulla tamén era o envoltorio que se lle puña ao neno despois do parto para previr a deformación do corpo. Simbolicamente, esta práctica permitía ao bebé pasar do estado fetal ao humano, pola súa postura vertical.[6]

  1. "ROMAN CLOTHING.". Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2013. Consultado o 11 de febreiro de 2016. 
  2. J. L. Sebesta, L. Bonfante, The World of Roman Costume, The University of Wisconsin Press, 2001, p. 47.
  3. Plutarco, Vidas Paralelas; Rómulo 20, 4.
  4. L'histoire romaine à Rome, Volume 2.
  5. Par une société de gens de lettres, de savans et d'artistes. 1786, p. 531.
  6. Nota nun obxecto votivo etrusco en terracota que representa a dous bebés enfaixados.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]